
Un día máis. Por desgraza, para moitas mulleres, un día máis no inferno da violencia machista. Para outras, e sempre serán moitas, un día menos. Levadas da vida pola man asasina daquel que afirmou (algúns mesmo o xuraron ante os representantes da súa fe) amala para sempre.
A violencia é ausencia de paz. É o camiño contrario ao do amor, ao da amizade. O respecto entre as persoas nace desde o pleno convencemento de que ninguén pertence a ninguén. Non somos mercadorías que se posúen. Amar, non é posuír. Nunca. Realizar a sinonimia entre amar e posuír lévanos directos ao baleiro, aí onde se precipitan as esperanzas e a dignidade.
Entregamos e recibimos xestos. E estes xestos, se están cargados de maldade, de violencia, e se transportan insultos e menosprezos, son xestos que debemos desterrar e rexeitar. Son xestos que non se deben tolerar. Xestos que deben e poden ser corrixidos. Non hai determinismos en ser machista. Hai educación. Pura e simplemente. Para iso debe servir
ensinar educando.
Sempre alertei que os ciumes non son sinal de nada. E moito menos do amor. Son unha manifestación de sentimentos negativos agochados no fondo dunha persoa. Os ciumes non poden nunca xustificar 'bofetadas' -como teño escoitado a adolescentes-, nin outros xestos e comportamentos que vulneran a dignidade da muller.
Amar non é posuír. É entregar e recibir xestos de respecto, de comprensión, de ceder con xenerosidade, para ser correspondido. Estes xestos son os que se precisan para convivir e superar os momentos difíciles -que sempre os hai, xa que na vida os contos de príncipes azuis e princesas non existen. Por iso, cómpre esforzo porque amar non significa convivir. Pero para convivir en parella hai que amar.
E cómpre non ser nunca testemuña da violencia machista e non actuar. Hai mecanismos para alertar e denunciar. E as administracións públicas deben poñer toda a súa forza en garantir a protección dunha muller que denuncia. Garantir que o maltratador non se achega a ela e aos fillos ou fillas (de telos). E garantir que esa muller poda refacer a súa vida en todos os eidos vitais.
En fin, ogallá chegue o día en que non teñamos que escribir sobre a violencia machista, nin sobre calquera tipo de violencia.