BLOG DU SÉMINAIRE DE FRANÇAIS DU IES AMES

Bonjour vous avez ici le blog que j'ai commencé au CPI PONTECESURES. Maintenant, il devient celui du IES AMES. Instrument d'information et aussi outil de participation des étudiants. Fenêtre d'un monde créatif qui dort en silence.



mercredi 29 février 2012

LES PRÉPAS

Ás veces, escoitamos termos abreviados que poden facer que nos perdamos nos sentidos correctos da conversa. Iso pode acontecer co termo "prépas", que, en si mesmo, condensa o concepto "classe préparatoire aux grandes écoles", de aí a sigla coa que tamén aparece nos medios, CPGE.

Este tempo de preparación esténdese durante dous anos ou mesmo tres anos, e sitúanse entre o remate do lycée (instituto) e les Grandes Écoles (as grandes escolas, que en Francia teñen un matiz superior ao das universidades, un matiz elitista, que tiñan (e aínda teñen) a función de preparar os cadros da administración do Estado). Se nós rematamos o bacharelato e imos, mediante unha proba (a selectividade) á universidade, en Francia, o estudante pode optar por prepararse de forma esixente ás probas de acceso ás grandes escolas.

Se no baccalauréat hai un exame, les prépas serven para o concours que dá acceso -limitado e restrinxido- ás Grandes Écoles (Escolas Superiores, Escolas Superiores de Comercio). Impártense nos propios institutos (lycées).

A rixidez dos inicios relaxouse e diversificáronse os camiños aos que poden conducir as clases preparatorias. Hainas de literatura (por exemplo, podedes consultar a páxina de benvida de Brest); de ciencia e económico-comerciais; tamén de Arte, Música, Danza, Arte Dramática.

Son clases dun moi elevado nivel de esixenza; algúns afirman que antes moito máis que agora, coma en todo, pero aínda así son moi intensas no esforzo e dedicación que demandan ao alumnado (alguén chegou a calcular unhas 56 horas de traballo real por semana), pero, afírmase, prepárase moi ben ao alumnado para as probas de acceso a centros de formación (Grandes Écoles, Écoles Normales Supérieures) que son considerados como pasaporte para o mundo laboral e profesional.

Podedes comprobar os contidos do prépa de Brest que o alumnado ten que preparar no verán para chegar na rentrée, isto é, en setembro, con certas garantías para iniciar o primeiro dos dous anos que preparan para as probas de acceso ás grandes escolas literarias na ligazón activa e, realmente, creo que poderedes apreciar que non se trata de ningunha tontería. Podedes tamén comprobar que esixen os diferentes accesos con respecto á proba de francés.  As probas de acceso conceden unha importancia moi grande ás probas orais de todo tipo, onde o concursante ten que demostrar dominio nos diferentes xéneros orais. 

Non se libran das críticas por seren elitistas: poucos fillos e fillas de membros da clase obreira atopan unha posibilidade de chegar a unha escola superior. E, ademais, cústalle ao estado francés máis diñeiro cás propias universidades. Ten os seus detractores, claro, sobre todo naqueles que teñen unha máis elevada sensibilidade cara ás necesidades educativas e existenciais dun alumno ou alumna entre os 17 e os 20 anos. Os seus defensores din que achegan unha formación e unha capacidade de traballo que será fundamental para o seu futuro profesional.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire