BLOG DU SÉMINAIRE DE FRANÇAIS DU IES AMES

Bonjour vous avez ici le blog que j'ai commencé au CPI PONTECESURES. Maintenant, il devient celui du IES AMES. Instrument d'information et aussi outil de participation des étudiants. Fenêtre d'un monde créatif qui dort en silence.



jeudi 24 novembre 2011

25 NOVEMBRO, DÍA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA


Un día máis. Por desgraza, para moitas mulleres, un día máis no inferno da violencia machista. Para outras, e sempre serán moitas, un día menos. Levadas da vida pola man asasina daquel que afirmou (algúns mesmo o xuraron ante os representantes da súa fe) amala para sempre.

A violencia é ausencia de paz. É o camiño contrario ao do amor, ao da amizade. O respecto entre as persoas nace desde o pleno convencemento de que ninguén pertence a ninguén. Non somos mercadorías que se posúen. Amar, non é posuír. Nunca. Realizar a sinonimia entre amar e posuír lévanos directos ao baleiro, aí onde se precipitan as esperanzas e a dignidade.

Entregamos e recibimos xestos. E estes xestos, se están cargados de maldade, de violencia, e se transportan insultos e menosprezos, son xestos que debemos desterrar e rexeitar. Son xestos que non se deben tolerar. Xestos que deben e poden ser corrixidos. Non hai determinismos en ser machista. Hai educación. Pura e simplemente. Para iso debe servir ensinar educando.

Sempre alertei que os ciumes non son sinal de nada. E moito menos do amor. Son unha manifestación de sentimentos negativos agochados no fondo dunha persoa. Os ciumes non poden nunca xustificar 'bofetadas' -como teño escoitado a adolescentes-, nin outros xestos e comportamentos que vulneran a dignidade da muller.

Amar non é posuír. É entregar e recibir xestos de respecto, de comprensión, de ceder con xenerosidade, para ser correspondido. Estes xestos son os que se precisan para convivir e superar os momentos difíciles -que sempre os hai, xa que na vida os contos de príncipes azuis e princesas non existen. Por iso, cómpre esforzo porque amar non significa convivir. Pero para convivir en parella hai que amar.

E cómpre non ser nunca testemuña da violencia machista e non actuar. Hai mecanismos para alertar e denunciar. E as administracións públicas deben poñer toda a súa forza en garantir a protección dunha muller que denuncia. Garantir que o maltratador non se achega a ela e aos fillos ou fillas (de telos). E garantir que esa muller poda refacer a súa vida en todos os eidos vitais.

En fin, ogallá chegue o día en que non teñamos que escribir sobre a violencia machista, nin sobre calquera tipo de violencia.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire